Crean unha credencial dixital en que os peregrinos escanerán selos en formato QR
A credencial do peregrino ten versión dixital. Unha aplicación de teléfono móbil permite ir sumando os selos igual ca se fai na de papel. Será con códigos QR que van estar cada vez máis presentes nos Camiños de Santiago. A partir de agora os peregrinos poderán acreditar o seu devir desta maneira sumando os selos na app oficial que xa se pode baixar para calquera móbil.
"É un paso máis para dotar dunha credencial dixital e de medios dixitais a Oficina do Peregrino nos momentos que vivimos", di Serxio Cernadas, técnico informático da Oficna do Peregrino.
Na presentación da nova aplicación, os seus promotores dixeron que mantén o mesmo estilo que a de papel para remarcar que é a única oficial e polo tanto a única que permitirá obter a Compostela. Dan por feito que os dous formatos van seguir convivindo, polo tirón afectivo que ten a de papel pero aseguran que puxeron especial empeño en que a nova opción sexa equivalente e non os distraia do esencial.
"É limpa, non ten ningún elemento de distración de anuncio de publicidade, nada diso. E moi importante: é a única credencia dixital que se vai admitir na oficina", remarca Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral.
Unha das vantaxes da nova aplicación é que facilitará a tramitación da Compostela. De momento, hai 400 lugares habituais de acreditación que xa solicitaron o selo dixital para poñer o correspondente QR nese punto do Camiño pero agardan a que número aumente axiña.