CRTVG

Buscar

Crean unha auga con sabor a godello ou mencía, sen alcol e sen azucre

Publicado o 25/12/2018 14:35

Que lles parece? Podería ser un escumoso rosado... pero é auga. Atentos ao auxe das augas saborizadas, nunha adega de Valdeorras cun mercado consolidado en Xapón decidiron deseñar unha bebida que lembrase os viños galegos, pero sen alcol e sen calorías.


João Batista dos Santos. Xerente da adega
"É unha auga que vas tomar coas sensacións do viño, cos aromas da mencía, os aromas da godello, pero coa sensación de viño"


Teñen gas engadido para simular as burbullas dos escumosos. A fórmula é secreta, pero sabemos que se elaboran con auga dos mananciais de Valdeorras e restos da vinificación do godello e a mencía da adega propia. Non levan conservantes nin azucres engadidos, e están preparándose para conquistar o mercado con elas.


João Batista dos Santos. Xerente da adega
"Hai unha demanda moi grande de produtos naturais e sen alcol, entón temos un mercado moi grande en América e Asia, e tamén Europa, porque é un produto único"


É un produto único, e froito deste deseño van dar un paso máis. Grazas a el xurdiu unha colaboración co CSIC para crear unha auga que non só ula e saiba a viño, senón que ademais incorpore os seus compostos beneficiosos. Deseñárona na Misión Biolóxica de Galicia, traballando coas distintas partes da uva godello para extraer e concentrar o seu contido nunhas moléculas especiais: os flavanois.


Carmen Martínez. Directora do Grupo de Viticultura
"Teñen efectos beneficiosos para a saúde en moitos aspectos, por exemplo en temas como a diabete, son antioxidantes, parece que teñen efecto antibacteriano e cardiosaudable"


Xa teñen baixo segredo industrial a fórmula destas augas, que poden cualificarse de bebidas nutracéuticas. A súa concentración en compostos beneficiosos é vinte veces maior ca no propio viño de godello, e non teñen alcol nin azucre.
Aínda quedan uns meses para lanzar ao mercado tanto estas augas enriquecidas como as de sabores, pero o camiño está practicamente listo para facer un brinde cen por cento galego e cen por cento saudable.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/12/2018