CRTVG

Buscar

Crean unha app para controlar e racionalizar os depósitos municipais de auga

Publicado o 02/05/2018 21:13

Só con teclear no teléfono móbil pódese coñecer o nivel de auga nos depósitos municipais, a cantidade de cloro que conteñen ou o estado da tensión eléctrica que move o circuito. Estes emprendedores lugueses crearon unha aplicación que permite aos concellos estar informados en tempo real da situación das súas reservas de auga. O principal beneficio de posuir esta información é o aforro en gastos de mantemento porque non é preciso enviar un operario todos os días a comprobar os depósitos. Ademais, ao detectar a tempo as posibles deficiencias mediante un sistema de alarma, tamén se consegue evitar futuras avarías ou situacións de desabastecemento.

O dispositivo estaba pensado inicialmente para controlar tanques de leite pero dende os concellos viron que tamén podía ser útil para os seus servizos de auga. Polo de agora xa se aplica na Pastoriza e Ribeira de Piquín e estase implantando no Valadouro e Castro de Rei. Aínda que son concellos pequenos, todos teñen máis de dez depósitos espallados polas súas parroquias, que requiren dun mantemento continuo.

Noticias web

02/05/2018