Crean unha aplicación para que as mulleres se poidan coordinar cando volven tarde á casa
Carolina, Aroa e Pablo estudan o ciclo medio de Actividades Comerciais no Colexio Mendiño de Vigo. Este curso a materia de Xestión consistiu en crear un plan de empresa con impacto social, e partiron da súa propia experiencia.
"Vou pola rúa pola noite e de verdade teño medo de que me pase algo e chego a chamar a alguén por teléfono para sentirme máis segura", explica Aroa.
Para afastar este medo idearon SORO, unha aplicación que lles axuda a organizarse para volver xuntas. "Introduzo o nome de usuaria, saéme a dirección e a usuaria que está dispoñible...", así de sinxelo contan os seus creadores.
Amais de facer o prototipo, a pedagoxía aplicada para crear SORO obrigounos a poñer a proba outras competencias persoais dentro e fóra da aula. "A verdade é que funcionou, sobre todo comigo porque son moi nervosa á hora de expoñer e serviume moitísimo", conta Carolina.
O seu plan de empresa foi premiado en varios certames de emprendedores para estudantes de ensino medio e esperan poder facelo realidade canto antes. "Se temos os medios suficientes podemos levalo adiante. No campus ensináronnos a ver que máis que ter unha competencia, podemos alinearnos con eles".
Pero, no fondo, o que realmente desexan é que a súa empresa teña pouco futuro. "Se a aplicación non fixese falta, eu sería feliz porque non habería un problema social importante", di Carolina.