CRTVG

Buscar

Crean un grupo virtual para os negocios locais chairegos: MercaNaTerraChá

Publicado o 22/04/2020 18:16

Os negocios locais chairegos contan, dende esta semana, cunha nova ferramenta en liña para darse a coñecer. Trátase de MercaNaTerraChá, un grupo virtual co que poder darlles saída ás súas mercadorías ou recibir encargas dos seus servizos.

Encarni Ruiz, comerciante: "A min paréceme moi boa idea, xa que creo que os negocios agora mesmo é cando máis nos temos que unir e axudarnos uns a outros. Sempre está ben unha axuda, pero agora é, máis ca nunca, cando máis a necesitamos."

Chus Zapata, estilista: "Paréceme unha boa iniciativa. Soubemos dela onte e acoplámonos inmediatamente, cando nos invitaron. Paréceme unha iniciativa moi boa para facernos coñecer e para, dalgunha maneira, promocionar que despois de todo isto que está pasando merquemos máis nos nosos negocios."

A iniciativa tivo éxito dende un primeiro momento, posto que en só dous días sumou máis dun milleiro de integrantes, entre os que figuran moitos pequenos negocios da Terra Chá.

Encarni Ruiz, comerciante: "Unha moza, Yolanda, creou un grupo de Facebook onde foi unindo todos os negocios para que nos apoiásemos uns a outros. A verdade é que a min xa me está funcionando, porque xa hai xente que para o día da nai está encargando cestas de regalo."

Chus Zapata, estilista: "Vexo que si que se agregou xa moita xente. Co cal, a iniciativa está tendo boa aceptación."

Yolanda Cabana, administradora do grupo MercaNaTerraChá: "Sei que agora mesmo teño moita xente coñecida que teñen os seus negocios pechados e que o están a pasar mal. As grandes empresas poden permitirse estar pechadas máis tempo porque teñen un fondo, pero as empresiñas que viven ao día necesitan ter ingresos. Creo que é moi importante que todo o mundo se una a este grupo porque hai moita xente que aínda que ten o seu negocio pechado, fannos chegar dalgunha maneira os produtos á casa."

Mentres o grupo non para de medrar, os potenciais clientes coñecen as pequenas empresas dos seus propios veciños e os negocios adheridos non deixan de sumar novas encargas.

Noticias web

22/04/2020