CRTVG

Buscar

Crean a primeira empresa luguesa de desocupación

Publicado o 18/09/2020 13:25

É o momento en que os empregados dunha empresa de nova creación de Lugo se dirixen ao inmoble onde hai dous andares ocupados ilegalmente. En principio van facer ver aos ocupantes que a súa presenza nos pisos debe cesar de inmediato e darlles un prazo para marchar. É a primeira fase dun procedemento legal que busca sempre a negociación e o diálogo antes de tomar calquera medida de forza disuasoria. Iso si, os operarios van protexidos fronte a posibles agresións. O dono do edificio di que tivo que recorrer a eles despois de seis meses padecendo a presenza dos ocupantes ilegais.

"O que pasa aquí é que os ocupas do piso de arriba meteron xente no de abaixo e están facendo un aproveitamento económico. Nós vémonos impotentes porque o procedemento xudicial é moi lento", di Ricardo Arinzo, fillo dos propietarios.

Os membros do equipo de desaloxamento conseguiron que os ocupantes do andar superior, unha pequena estancia, saíran pola súa propia vontade. Con todo, primeiro chamaron a Policía Nacional, que se presentou no lugar e comprobou que todo o procedemento era legal. Pola contra, os que ocupan o segundo andar negáronse a saír e din que non pensan abandonar o edificio. Por iso, o equipo situouse na entrada para impedir o acceso a calquera persoa e garantir que quen saia non poida volver entrar.

"Acabamos de instalar un control de acceso. Xa veu a Policía comprobar que todo está en regra, como así é. Esperemos que nas vindeiras horas haxa unha solución fácil", explica Rubén López, representante de "Mi casa es la tuya".

Esta é a primeira empresa de desocupación que se crea en Lugo. Os seus promotores din que decidiron montala despois de comprobar que cada vez son máis os inmobles ocupados ilegalmente por toda a cidade. Agora van custodiar este edificio ata que marchen os ocupantes e se poidan cambiar as portas e pechaduras.

Noticias web

18/09/2020