CRTVG

Buscar

Cova das Choias

Publicado o 08/11/2018 13:21

Visita á reserva biolóxica da cova das Choias. Alberga dúas especies protexidas de morcegos.
Galicia ten moito por descubrir e conserva lugares especiais e pouco coñecidos. Un deles está na parroquia de Óutara, no concello da Pobra do Brollón. A ruta para chegar ata el comeza aquí, na aldea de Biduedo, xunto a estas árbores senlleiras. É necesario percorrer un sendeiro duns 700 metros ao longo do cal se poden ver fermosas paisaxes e mesmo unha antiga ferrería ata chegar a entrada da cova das Choias, unha espectacular gruta natural que albergou unha explotación mineira e crese que a súa orixe se remonta ós tempos do imperio romano.

 Xosé Gago, técnico de turismo da Pobra do Brollón: "A cova ten unha orixe de formación natural pero esa formación natural vese modificada e ampliada polos traballos de minería que se desenvolveron ao longo do tempo. Realmente dentro da cova o que temos é un laberinto de distintas galerías, de distintos condutos conectados entre si que responden a esa extracción de ferro que se fixo, de xeito documentado no século XV e XVI pero seguramente moito antes".

Nesta cova mestúrase o interese histórico e o ambiental. Ánxel Fole, na súa obra Terra Brava, situaba aquí ao alláparo, un cíclope que habitaba no interior desta cova, pero agora, a realidade é que é o fogar duns 2000 morcegos de dúas especies singulares e en perigo de extinción.

Xosé Gago, técnico de turismo da Pobra do Brollón: "Realmente, a cova é un santuario de morcegos e hoxe en día os morcegos son os verdadeiros protagonistas desta cova e o que lle da un valor máis profundo e o que fai un valor máis único a diferencia doutras covas que hai en Galicia ou no resto da península ibérica. Temos dúas especies de morcego, o morcego de cova que é o que está agora mesmo en época de cría no interior da cova das Choias e despois en inverno teremos outra especie de morcego que é o morcego de ferradura grande, que será o que veña a ocupar os espacios da cova para facer a súa época de cría".

O acceso ao interior da cova está pechado e só se pode acceder a través de visitas guiadas de grupos reducidos organizadas polo concello. Ademias de fauna, esta cova alberga unha flora singular. Trátase do chamado musgo luminoso, unha especie presente en só quince lugares da península Ibérica.

Xosé Gago, técnico de turismo da Pobra do Brollón: "O efecto máxico da cova. Eu sempre digo que a cova é unha visita moi sensorial o que intentamos facer aquí. O feito de entrar todos en silencio dentro deste espazo, de escoitar esas pingas de auga que van caendo, e sobre todo ir acompañados a medida que vas camiñando dunha especie de alfombra de musgo que se vai iluminando e apagando a medida que ti vas pola cova é verdadeiramente impresionate non, eu diría que case terapéutico".

A visita á cova das Choias faise en silencio para non alterar as colonias de morcegos. O seu son e as pingas de auga son a banda sonora desta singular cova.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2018