CRTVG

Buscar

Couceiro, medio século vendendo libros en Compostela

Publicado o 09/03/2019 20:08

Medio século de vida é, para unha libraría, moito máis ca 50 anos de historia, porque nela están os poemas, as novelas ou o teatro de todas as xeracións que nos preceden. Esta fin de semana Couceiro celebra o seu 50 aniversario en Santiago, e co seu dono percorremos os andeis cheos de recordos que recenden a libros vellos.

Os inicios, hai 50 anos, non podían ser outros, parellos aos dos seus lectores: Couceiro naceu como libraría escolar para xente miúda.

"Foi unha evolución da libraría desde os seus principios, na rúa de San Pedro no ano 69, unha evolución constante. Despois na República do Salvador, no Hórreo e agora levamos 12 anos aquí. Isto vén ser a culminación dun proxecto que espero que poida cumprir polo menos outros 50 anos e eu podelo ver." Conta Xesús Couceiro, o libreiro 

Ao longo deses 50 primeiros anos foron mudando os espazos pero o que non mudou foi o espírito nin o compromiso co libro galego, coa nosa historia e co mundo cultural ata converter a libraría en punto de encontro de lectores e espazo de presentacións.
"O compromiso co libro galego foi porque todos deberiamos ter compromiso con Galicia. Se traballas nunha profesión que podes gozar diso, eu creo que moito mellor. Entón diso naceu a nosa necesidade de especializarse en libro galego." Insiste Xesús.

Nestes mundos dixitais, hai remuda xeracional para seguir vendendo libros. Para poder pasar algunhas follas antes de levalos para a casa, e coñecer esas historias que esta mañá estiveron adobiadas con música á porta, e que pola tarde cobrarán vida fóra dos libros na voz de Celso Fernández Sanmartín e Soledad Felloza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/03/2019