CRTVG

Buscar

Cospedal acusa a Bárcenas de "falta de credibilidade" o día que declara pola Kitchen

Publicado o 29/06/2021 10:56
Cospedal acusa a Bárcenas de "falta de credibilidade" o día que declara pola Kitchen

A exsecretaria xeral do PP María Dolores de Cospedal cargou contra o extesoureiro do seu partido Luís Bárcenas pola "total falta de credibilidade e verosimilitude" das súas declaracións. A tamén exministra presentou un escrito na Audiencia Nacional o mesmo día en que está citada como imputada no caso Kitchen.

Minutos antes das 10:00 da mañá chegou ás dependencias xudiciais, acompañada polos seus avogados, para declarar pola suposta operación "parapolicial" presuntamente urdida desde o Ministerio do Interior en 2013, na procura de documentos que gardaba Bárcenas e que poderían comprometer o partido e os seus dirixentes.

O texto, datado este mesmo 29 de xuño e ao que tivo acceso EFE, pon de relevo as "numerosas contradicións" de Bárcenas ao longo das súas declaracións, tanto nesta causa, na que ten a condición de prexudicado, coma noutras como a Gürtel, pola que cumpre condena.

Cuestiona especialmente a versión sobre o suposto pendrive que desapareceu do estudio da súa muller e que, segundo dixo, gardaba dúas gravacións. Unha feita ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy, na que presuntamente se oía triturar parte da suposta contabilidade b do partido; e outra, ao exsecretario xeral do PP Javier Arenas.

Segundo Cospedal, ante información "tan sensible", "non resulta en absoluto crible" que Bárcenas "non amosara o máis mínimo interese en recoller as 27 caixas" da sede do PP; "que pasasen case dous meses" ata que lle ordenase a súa recollida ao chofer Sergio Ríos, presuntamente captado como confidente policial en Kitchen, ou que "esperase un ano e medio para certificar que o suposto pendrive desaparecera".

Tampouco considera verosímil que non llo presentase ao xuíz na súa declaración en xullo de 2013, cando xa saíran á luz os denominados "papeis de Bárcenas", nin informase da súa desaparición cando se aportou.

Contra o equipo da UDEF e Morocho

Pero Cospedal, imputada na Kitchen por delitos de suborno, malversación e tráfico de influencias, tamén carga contra o equipo da UDEF que investigou os "papeis de Bárcenas" e, especialmente, contra o inspector xefe que dirixiu as pescudas, Manuel Morocho. Acúsaos de ter un "rumbo incriminatorio".

A súa defensa, exercida por Jesús Santos, avogado que representou o PP en casos como a Gürtel ou a presunta caixa b, rebate que a adscrición de Morocho á Dirección Adxunta Operativa (DAO), que este enmarcou nas presións que dixo sufrir, tivera algunha "incidencia" sobre o seu labor investigador, dado que "xa concluíra a instrución de ambas as dúas pezas relacionadas" con Bárcenas.

Para demostrar a "absoluta falta de credibilidade" de Bárcenas achega transcricións de diferentes declaracións do extesoureiro, algunha "asumida acriticamente" pola UDEF, e acúsao de dar "a décimo cuarta versión dos feitos" no marco do caso Kitchen.

Tamén inclúe informes da Intervención Xeral da Administración do Estado ou diferentes sentenzas que, asegura, "poñen en cuestión a credibilidade dos papeis de Bárcenas".

Cospedal declara este martes ante as sospeitas do xuíz de que a súa intervención e a do seu marido Ignacio López del Hierro (citado este mércores) puido ser "decisiva" para captar como confidente na Kitchen o chofer de Bárcenas a través de Andrés Gómez Gordo, policía de máxima confianza da exministra.

Noticias web

29/06/2021