Cortes de auga en Campo Lameiro: hai escaseza nos depósitos municipais
En Campo Lameiro este verán xa saben o que é estar sen auga na casa por escaseza nos depósitos municipais. O Concello aplicou esta noite, desde as doce ás seis da mañá, o primeiro corte na subministración para que os depósitos municipais se recuperen algo e tamén para evitar a acción de quen aproveita que non se ve tanto para empregala no que non se debe.
"Non sabemos que pasa coa auga en Campo Lameiro, pero hai tres días que temos pouquiña forza de auga. Ás noites a moitos sitios xa non chega a auga. Enriba xa non chega. Hai pouca forza dela", di Pilar, unha das veciñas afectadas.
Fóra de cámara outros veciños cóntannos que se está a utilizar para regar leiras ou hortas e así non hai auga que chegue. Outra causa pode estar no feito de que os usuarios non pagan polo consumo real que fan. Aquí o Concello só aplica unha taxa anual polo servizo.
Segundo Antonio, o problema da auga aquí é vello, pero que só hai un mes complicado: "Pode ser moito porque están as fontes sen limpar. Hai moitas piscinas que están montando e despois, rega tamén. E claro, a auga achícase. Pode ser iso. É raro o verán que non pase".
En xeral asumen con resignación os cortes nocturnos. Falan da medida como mal menor. Aínda que nalgún caso, coma na panadería, terán que cambiar parte da rutina na súa actividade.
O Concello advirte de que o uso irresponsable da auga implicará sancións. O bando do alcalde de Campo Lameiro advirte de que non se use a auga da traída para unha serie de actividades que saen do que é o consumo doméstico cotián.