CRTVG

Buscar

Correos retén a propaganda de VOX en Galicia e Euskadi por se os sobres atentan contra os dereitos fundamentais

Publicado o 30/06/2020 22:16
Correos retén a propaganda de VOX en Galicia e Euskadi por se os sobres atentan contra os dereitos fundamentais

Correos retén a propaganda electoral de VOX e mantén paralizado a repartición dos sobres en Galiica e País Vasco á espera dun pronunciamiento da Xunta Electoral Central, tras elevar unha consulta pola posibilidade de que poidan conter elementos que vulneren os dereitos fundamentais.

A formación política liderada por Santiago Abascal presentou na tarde de onte alegacións ante a Xunta Electoral Central por esta actuación de Correos por entender que lles "secuestraron" a propaganda electoral. Correos asegurou, ante as denuncias de VOX, que a súa actuación consistiu en elevar unha consulta á XEC para que aclare o criterio de actuación con respecto ao contido dos sobres.

Correos invocou, para non distribuír os sobres electorais, o artigo 16 do Regulamento polo que se prohiben envíos postais cuxa envoltura conteña textos ou debuxos que vulneran os dereitos fundamentais, segundo explicou Vox nunha nota de prensa.

Os sobres remitidos a Galicia reproducen textos e lemas como "Os separatistas do BNG convidaron a un grupo terrorista ao seu mitin en Santiago", que a formación vecenlla cun titular dun medio de comunicación. Outras frases que contén esa propaganda electoral son "Ante a imposición linguística hai unha alternativa" ou "ante os progres separatistas hai unha España que quere recuperar o seu futuro".

No caso de Euskadi, algúns dos sobres levaban escrito "O País Vasco proporciona ideoloxía de xénero aos futuros mestres", "Urkullu considera necesaria a inmigración para afrontar o reto demográfico" ou "As violacións aumentaron o 37 por cento no País Vasco, cun incremento da delincuencia do 7,8 por cento".

En VOX solicitaron que se arquive a denuncia presentada por Correos e se ordene "urxentemente o envío masivo da propaganda electoral" por entenderen que a medida adoptada pola Sociedade Estatal é "absolutamente desproporcionada". "Non poden supor lesión algunha de dereito fundamental, posto que todos eles foron extraídos de publicacións que ofreceron os datos baseándose en fontes fidedignas, sen que se teña noticia de que ningunha persona exercitase acción ningunha contra os medios que os publicaron".