CRTVG

Buscar

Máis de 76.900 solicitudes de voto por correo, máximo histórico en Galicia

Publicado o 03/07/2020 17:31
Máis de 76.900 solicitudes de voto por correo, máximo histórico en Galicia

O servizo público Correos admitiu, concretamente, 76.907 solicitudes de cidadáns que desexan exercer o seu dereito ao voto nos comicios autonómicos en Galicia o 12 de xullo polo mecanismo postal habilitado a ese efecto, indica a empresa estatal nun comunicado.

Do total de peticións, 67.975 foron presentadas de maneira presencial nas oficinas postais e 8.932 de forma telemática, unha medida extraordinaria adoptada para a protección da saúde dos votantes e do persoal de Correos para evitar a propagación da pandemia de coronavirus.

Os cidadáns que o solicitaran poderán entregar o seu voto polo procedemento postal ata o venres 10 de xullo en calquera dos preto de 8.600 puntos de admisión con que conta Correos en toda España, no horario habitual das oficinas postais e como máximo ata as 14.00 horas.

Así, na comunidade galega as solicitudes pasaron das 46.288 rexistradas nas anteriores eleccións do 2016 ás 76.907 para o 2020, o que supón un incremento de 30.619.  

Estes datos implican un máximo histórico en relación ás solicitudes de voto por correo dos procesos electorais autonómicos que viviu Galicia desde 2001, o último que inclúe na información que publica na súa web o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Ata a pasada xornada, Correos xa entregara 67.102 solicitudes nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral en Galicia (25.142 na Coruña, 10.303 en Lugo, 10.390 en Ourense e 21.267 en Pontevedra).

Ademais, ata onte, puxéranse ao dispor dos electores 50.230 documentacións electorais e xa se admitiron 40.776 votos por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia.

Respecto á entrega da documentación electoral do voto por correo ao elector no seu domicilio, regulouse que o persoal de Correos comprobara a identidade do votante mediante o DNI, pasaporte ou permiso de conducir e anotará o número do documento identificativo dando fe da recepción dos sobres e papeletas, sen que fose imprescindible que o elector firmase a entrega.

Ademais, nese momento, o elector, se o desexa, terá a opción de entregar ao carteiro ou carteira os sobres electorais cumprimentados a cambio dun xustificante acreditativo do depósito do seu voto, evitándolle así ter que acudir posteriormente a unha oficina de Correos. Todo iso sen prexuízo do dereito do elector a non entregar o seu voto nese momento e facelo despois, dentro dos prazos legais, nunha oficina de Correos.

Por outra banda, no seu comunicado, a empresa recomenda aos cidadáns que desexen exercer o seu dereito ao voto por correo que procuren "non esperar ata o último día" e que aproveiten "a amplitude horaria das oficinas postais".   

Tamén subliña que realizou en Galicia 340 contratos de reforzo para oficinas e repartición e que está a poñer todos os seus medios loxísticos e tecnolóxicos "ao servizo da xestión das actividades que ten encomendadas nos procesos electorais".

A súa colaboración co proceso electoral esténdese tamén á repartición das tarxetas de inscrición no censo e aos envíos de propaganda electoral, ademais das comunicacións a membros das mesas electorais, envío aos concellos da lista do censo e recollida de documentación o día das eleccións, entre outras cuestións. Ademais, desde o 26 de xuño e ata o 10 de xullo, repartirá os envíos de propaganda electoral dos diferentes partidos e coalicións que concorren aos comicios.

Crecen un 140% as solicitudes de voto por correo para as eleccións vascas

Tamén se incrementaron de xeito notable as solicitudes no País Vasco. Un total de 125.255 persoas, un 7,3% do censo, solicitou votar por correo nas eleccións vascas do 12 de xullo, o que supón un aumento dun 140%, aproximadamente, respecto á cifra rexistrada nos anteriores comicios autonómicos (52.365).

Concluído o 2 de xullo o prazo para solicitar o voto por correo e a falta dos últimos datos, en Áraba rexistráronse 16.144 peticións (6,4% do censo), en Biscaia 77.067 (8,47%) e en Guipúscoa 32.074 (7,76%).