CRTVG

Buscar

'Coronavirus', 'teletraballo', 'desconfinamento' e 'desescalada', incorporadas ao dicionario da RAG

Publicado o 22/05/2020 10:10

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega acordou na súa última xuntanza, celebrada telematicamente, incorporar ao Dicionario as formas covid-19, coronavirus, teletraballo, desconfinamento e desescalada; todas elas, palabras de uso crecente en plena pandemia.

Estas palabras xa están visibles desde hoxe, venres, na edición en liña do Dicionario da Real Academia Galega.

Desde o comezo do confinamento o pasado 15 de marzo, o Dicionario da RAG acadou o maior volume de consultas da súa historia. O mes de marzo rematou cunha media de 113.000 procuras diarias, e en abril chegaron ás 133.000, o cal suma en total preto de 4.000.000 de consultas. Un 82 %  por riba das rexistradas no mesmo período do ano anterior.