CRTVG

Buscar

Confirmado un caso no asilo de Caldas, onde se aplican medidas de vixilancia e illamento

Publicado o 19/03/2020 21:41
Confirmado un caso no asilo de Caldas, onde se aplican medidas de vixilancia e illamento

Un usuario dunha residencia de maiores de Caldas de Reis (Pontevedra) está infectado polo coronavirus COVID-19, e no centro adoptáronse todas as medidas de prevención e illamento que esixe o caso. O centro en que foi detectado o caso é o asilo de Caldas, que xestiona a orde católica das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados.

O Consistorio de Caldas emitiu un comunicado en que fai un chamamento á calma despois deste positivo e apela a seguir coas medidas de autoprotección como medio "máis efectivo" para afrontar o virus. A comisión municipal de seguimento do coronavirus, que dirixe o alcalde, ofreceu en días pasados toda a colaboración ao centro residencial onde se produciu o caso e onde se están levando a cabo as correspondentes medidas de "vixilancia, control e illamento". Así mesmo, trasladou que está en contacto permanente coa responsable do centro, mentres traballa "man a man" e "en constante comunicación" coa Subdelegación do Goberno.

Segundo informou o concello, o alcalde, Juan Manuel Rey, falou este mesmo xoves coa subdelegada Maica Larriba, coas autoridades sanitarias, cos corpos de seguridade e con Protección Civil para avaliar os protocolos correspondentes e ofrecer "a mellor resposta" ante esta situación. Nesta liña, o alcalde ordenou un operativo especial de desinfección por parte de Protección Civil na contorna da residencia de maiores e do centro de saúde próximo, co fin de minimizar o impacto que poida ter o covid-19 na vía pública.