CRTVG

Buscar

Coristanco prepárase para o inicio da colleita da pataca

Publicado o 02/09/2020 16:23

Despois de comprobar estes días o estado dos tubérculos a idea é comezar a apañalos a partir da semana que vén, xa que as chuvias de finais de agosto atrasaron a colleita.

"Iso veu ben para o millo e para outros cereais, pero para as patacas en concreto non lle veu nada ben porque era cando tiñan que secar, agora en agosto tiñan que empeza a secar e estar a terra seca para que as patacas saian brancas", di Juan Ramón Sanjurjo, presidente da Asociación de produtores de pataca de Coristanco.

O 90% da pataca que se apaña en Coristanco é da veriedade Kennebec, e do resto destaca a pataca autóctona fina de Carballo. Unha colleita que se estima vai ser pequena, pero dunha excelente calidade.

"Esta colleita digamos que o clima foi complicado, entonces a previsión que temos é que haber pouca colleita, van ser de tamaño relativamente pequeno pero van ser dunha calidade extrema, porque como non choveu moito as patacas van ter moita fariña e polo tanto van ter moita calidade", explica Juan Ramón Sanjurjo.

Esta vai ser a primeira campaña en que se terá que apañar baixo as medidas de seguridade derivadas da pandemia. Dende a Asociación de Produtores de Coristanco van a apostar pola cooperación veciñal.

"Se por exemplo algún quedase en corentena, iriamos entre todos apañarlle os veciños, nese sentido somos bastante unidos. Moitos axudámonos entre veciños, entón xuntámonos entre todos os veciños e imos apañando. Hai xente que ten cuadrilla preparada todos os anos e venlle a mesma cuadrilla, entón de momento non se sabe nada, hai que ir pouco a pouco", engade Sanjurjo.

As previsións son de que a colleita en Coristanco se estenda un mes, se o tempo acompaña.

Noticias web

02/09/2020