CRTVG

Buscar

Corinna Larsen confirma as acusacións de Villarejo e di que se sentiu ameazada polo CNI

Publicado o 15/01/2021 14:56

O primeiro xuízo a José Villarejo mostrou as versións enconadas dos seus tres protagonistas: mentres que o excomisario e a examiga do rei emérito Corinna Larsen mantiveron que o exxefe do CNI Félix Sanz Roldán a ameazou nun encontro en Londres, este esforzouse en deixar claro que isto "xamais, xamais" ocorreu.

Foi a primeira vez que o excomisario de Policía, en prisión preventiva desde fai máis de tres anos polos seus presuntos labores de espionaxe, sentou no banco acusado de calumniar e presentar unha denuncia falsa contra Sanz Roldán.

O motivo do seu primeiro xuízo é dobre: a denuncia presuntamente falsa que en 2017 formulou contra o exxefe do CNI, a quen atribuía filtrar á prensa unha foto súa da que, di, foi unha operación antiterrorista; e unhas declaracións en televisión onde afirmaba que Sanz Roldán ameazara de morte á empresaria Corinna zu Sayn-Wittgenstein.

Trasladado en ambulancia desde o cárcere de Estremera (Madrid), Villarejo iniciou a xornada coa intención de ser el quen preguntase a Sanz Roldán, con quen ten unha inimizade recoñecida; unha petición que, como a maioría que formulou, non aceptou o Xulgado do Penal número 8 de Madrid.

Con máscara negra estampada coa bandeira española, camisa branca e chaqueta negra, sentado á dereita do seu avogado, Villarejo mantivo a súa versión sobre o seu traballo como axente encuberto para órganos como o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), que, segundo el, foi quen lle encargou reunirse en Londres con Corinna Larsen e quen puxo os medios para gravar o encontro.

  Sobre aquela reunión e outra mantida presuntamente con Sanz Roldán no Hotel Connaught de Londres o 5 de maio de 2012 declarou precisamente Larsen, quen reapareceu en escena por videoconferencia para asegurar que lle aterrorizaron as reiteradas ameazas que recibiu do exxefe do CNI, quen lle dixo que, se non seguía determinadas recomendacións e instrucións, non podería asegurar a súa seguridade nin a dos seus fillos.

Pero Sanz Roldán negouno todo. Dixo que "xamais, xamais" ameazouaá empresaria, aínda que si recoñeceu que estivo en Londres en maio de 2012, pero non quixo desvelar se foi para reunirse con ela nin o motivo da súa viaxe, acolléndose á lei que regula as actividades do CNI.

Asegurou que nin coñecía a Villarejo nin vira a fotografía de "El País" pola que lle denunciou, e negou que o excomisario colaborase cos servizos de intelixencia: "Eu nunca souben en absoluto que tiña relación algunha co CNI e as súas actividades".

Por contra, Villarejo sinalou que desde o CNI dixéronlle "que era moi importante recuperar unha serie de documentos para a seguridade do Estado", de modo que se reuniu con Corinna Larsen, tentou "convencela, seducila" e gañarse a súa confianza, porque a empresaria "fíxose con documentación comprometedora para os intereses de España".

Indicou que Larsen recoñeceulle que estaba "aterrada" e ameazada pola súa relación co rei emérito e asegurou non entender como Sanz Roldán foi a "ameazar de morte a esa muller" e non enviou a "alguén anónimo" como el.

A empresaria, pola súa banda, dixo que sufriu "constantes ameazas e perigos" e relatou o episodio de como se atopou no lugar onde se hospedaba un libro que falaba dunha suposta conspiración na morte de lady Diana e a chamada dun número secreto na que lle dicían que "había moitos túneles secretos entre Mónaco e Niza". Ou aqueloutro de abril de 2012 no que recibiu un aviso de que estaban a ocupar a súa casa de Mónaco.

Como non entendía nada, avisou ao rei Xoán Carlos para pedirlle unha explicación, quen lle comunicou que "Sanz Roldán estaba a levar unha operación para asegurarse de que se me protexía dos paparazzi".

Unha explicación, na súa opinión, inadecuada. Volveu acudir ao rei emérito máis tarde, ante os varridos de micrófonos que, segundo a súa versión, axentes españois fixeron no seu apartamento de Mónaco durante cinco días. O feito de que non o denunciase antes levantou suspicacias no fiscal e na Avogacía do Estado. Para aclaralo, Larsen asegurou que Sanz Roldán tiña inmunidade como xefe do CNI ata 2019 e que, no seu caso, tamén "tería que denunciar o rei Xoán Carlos por darlle as ordes" e, ao estar protexido pola inviolabilidade que lle outorga a lei, non tivese "ningunha consecuencia nin aseguraría" a súa seguridade.

O que si quixo recalcar a empresaria, que dixo que foi Xoán Carlos I quen lle informou de que Sanz Roldán iría a Londres para reunirse con ela, é que o xeneral "sempre quería deixar que constase que era o rei quen lle daba ordes".

A confirmación de Larsen sobre o que lle contou a Villarejo fixo que a Fiscalía retirase o delito de calumnias contra o excomisario, deixando unicamente o de denuncia falsa, polo que pide un ano de prisión.A diferenza da Avogacía, que mantivo a súa acusación por ambos os delitos xunto co de inxurias.

Como fixo noutras ocasións, Villarejo aludiu a unha "operación perfectamente orquestrada" para eliminalo despois de denunciar a Sanz Roldán, a quen acusou de ter unha "cuestión obsesiva" contra el. Cualificouse como "a persoa máis vilipendiada do país", pero asegurou que non se arrepinte "en absoluto" do que fixo, e quixo mencionar destinos como Afganistán, onde se fixo pasar por "tratante de cabalos", ou Somalia, onde estivo en "buracos", e mesmo dixo que unha fonte lle avisou do atentado que ía ocorrer nas Ramblas, pero o CNI "dixo que non era fiable porque antes traballara para eles, pero en realidade era un espía marroquí".

 

 

Noticias web

15/01/2021