CRTVG

Buscar

Corinna demanda a Xoán Carlos I ante a xustiza londiniense e pide que non se lle achegue a menos de 150 metros

Publicado o 28/07/2021 09:13
Corinna demanda a Xoán Carlos I ante a xustiza londiniense e pide que non se lle achegue a menos de 150 metros

Corinna Larsen demanda o rei Xoán Carlos ante a xustiza británica: pide que non se poida achegar a menos de 150 metros das súas residencias e que a indemnice pola vixilancia ilegal que segundo ela sufriu por parte dos servizos secretos españois, segundo publica este martes o Financial Times.  

Na denuncia, que se interpuxo o pasado mes de decembro e que non se coñeceu ata o de agora, a empresaria acusa o exmonarca e os servizos secretos españois de "vixilancia ilegal" no Reino Unido e de hostilizala desde 2012 mediante ameazas, difamación e espionaxe encuberta.

Na súa denuncia, segundo sinala a publicación inglesa, Larsen alega que o CNI, o seu daquela titular Félix Sanz Roldán ou as persoas que traballan no seu nome ou no de Xoán Carlos puxérona tanto a ela coma a persoas da súa contorna "baixo vixilancia física que incluía vehículos e persoal, invadir a súa propiedade, na que residía, e espiar os seus teléfonos e computadores".

Afirma que foi ameazada polo exrei, quen supostamente lle dixo que as consecuencias para ela "non serían boas" se non facía o que se lle dixese, pero tamén por Sanz Roldán, quen nunha reunión en Londres en 2012 lle indicou que non podía garantir a súa seguridade física nin a do seu fillo.   

Mentres, no Congreso, os partidos independentistas e Podemos volveron pedir unha comisión de investigación sobre o rei Xoán Carlos. Queren que se aclare se recibiu comisións pola venda de armas a ditaduras árabes. Asinan a petición oito partidos, entre eles Esquerra, Bildu ou o BNG. A mesa xa vetou 14 iniciativas similares dende o inicio da lexislatura.

Noticias web

28/07/2021