CRTVG

Buscar

Corgos toma posesión como conselleiro o día en que a Xunta aproba os orzamentos

Publicado o 17/10/2021 12:15

Miguel Corgos tomará posesión do seu cargo mañá luns, o día en que a Xunta ten previsto aprobar os orzamentos para o ano que vén, unhas contas nas que asumiu un papel fundamental. 

O novo conselleiro de Facenda era unha das persoas máis próximas a Valeriano Martínez e ocupaba desde 2009 o posto de director xeral de Orzamentos. Ese é un dos seus mellores avais, segundo dixo esta maña o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na Radio Galega.  

Tras tomar posesión, Corgos xa participará no Consello da Xunta extraordinario no que o Goberno galego aprobará o anteproxecto de Orzamentos para o vindeiro ano.

Segundo avanzou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, eses Presupostos incluirán unha rebaixa dos impostos. Nas contas da comunidade para o vindeiro ano tamén terán un peso importante as partidas de Sanidade, Educación e Política Social, coa gratuidade total das escolas infantís.

Mañá coñeceremos polo miúdo as grandes cifras. O executivo autonómico asegura que son realistas, para soster servizos públicos fundamentais e estimular a iniciativa privada. 

Noticias web

17/10/2021