Unha avalancha nunha festa xudía en Israel deixa 44 mortos e un cento de feridos
A avalancha humana durante unha celebración relixiosa ultraortodoxa en Israel causou ducias de mortos e máis dun cento de feridos. A traxedia conmociona o país xusto cando estaban saíndo da pandemia tras o éxito da vacinación masiva. Un terrrible desastre, declarou o presidente Benjamin Netanyahu, que coincide coa avaliación que fai un dos responsables dos equipos de emerxencias trasladados ata o lugar.
Non está confirmado qué foi o que causou a avalancha. Calcúlase que acudiran unhas cen mil persoas ao Lag Bomer, unha peregrinación anual ao monte Meron, ao norte do país, que o ano pasado fora suspendida polo coronavirus. E aínda estaban a chegar máis. Testemuñas falan de que uns romeiros esvararon e caeron sobre outros; hai quen asegura que se derrubou un teito, e hai quen o atribúe, simplemente, á enorme cantidade de xente que se xuntou neste primeiro grande acontecemento pospandémico en Israel.
As autoridades sanitarias temían que se convertese nun evento de superpropagación da covid−19, pero os feitos escalaron a outro nivel. A policía asegura que tentara manter a orde, pero que lles foi imposible. Un peregrino di que estaban bailando cando notaron que algo pasaba e viron os equipos de urxencias reanimando persoas, entre elas moitos cativos.
A aglomeración de persoas dificulta as tarefas de rescate. Ademais de ducias de ambulancias, acudiron seis helicópteros a evacuar as vítimas. As comunicacións quedaron colapsadas, tanto as redes de telefonía coma os transportes. O servizo de trens comezou a operar con máis viaxes para axudar a despexar a multitude e as autoridades comezaron coas tarefas de identificación dos falecidos para comunicárllelo ás familias.