CRTVG

Buscar

Coren procesará os residuos gandeiros que xera na Limia

Publicado o 25/09/2019 14:56

En menos de medio ano, a empresa Coren conta con ter resolto o problema dos residuos gandeiros na Limia. Segundo avanzaron, van investir 9 millóns de euros en dúas plantas para o tratamento de xurros e excrementos.

Na planta de Sarreaus, inactiva desde 2014, as obras están xa avanzadas. Aseguran que vai procesar o cen por cento do xurro da Limia con tecnoloxía punta. 

"Que vai facer daquilo un complexo medioambiental pioneiro, ou ao menos referencia no tratamento de puríns e melloras medioambientais", indica Emilio Rial Pais, director xeral de Coren. 

Para o procesamento dos excrementos avícolas contemplan un prazo de medio ano. Construirán, en Santa Cruz de Arrabaldo, unha segunda planta de biomasa, co dobre de capacidade que a que funciona actualmente.

"Podemos dicir que os residuos gandeiros que se xeran na Limia, tanto de porcino como de avicultura quedan tratados debidamente por Coren en 3-4 meses", asegura Rial Pais.

Uns proxectos que presentaron na xuntanza da Mesa da Limia, onde se aborda a problemática da contaminación ambiental da principal comarca agrogandeira de Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/09/2019