Corea do Sur endurece o distanciamento dúas semanas tras sufrir unha repunta
As autoridades surcoreanas pediron hoxe reforzar durante as próximas dúas semanas as medidas de distanciamento en Seúl, onde tamén ordenaron o peche de moitos espazos públicos ante a forte repunta de casos ligada a un brote nunha nave comercial.
O ministro de Saúde e Benestar surcoreano, Park Neung-hoo, solicitou hoxe en conferencia de prensa aos cidadáns de Seúl e da rexión arredor da capital, que inclúe a circundante provincia de Gyeonggi e a cidade costeira de Incheon, que intensifiquen as medidas de distanciamento ata o 14 de xuño para evitar máis contaxios.
O ministro anunciou que durante ese prazo na rexión capitalina pecharán parques, museos, cines e outros espazos públicos, e instou os seus habitantes a evitar calquera reunión non indispensable e a establecementos como bares e restaurantes que extremen as medidas de distanciamento e rexistren os datos de cada visitante.
O brote detectado nun centro de loxística en Bucheon (Gyeonggi) suma xa 82 casos en só tres días, desde que se identificou o primeiro positivo nun traballador do almacén, segundo confirmou Park, que insistiu en que existe un "alto risco de que o contaxio se multiplique con forza".
De momento, xa se lles fixo a proba a case todos os traballadores, aos seus contactos e aos visitantes desta nave, que en total suman máis de 4.000 persoas, e o ministro asegurou que o rastrexo se intensificará para evitar unha maior propagación.
Aínda así, admitiu a posibilidade de que "a infección xa se estendese a outros puntos da rexión", fóra do radar das autoridades.
Dixo tamén que, polo momento, os colexios seguirán abertos en Corea do Sur, e pediu a colaboración cidadá para evitar que se estenda a COVID-19 e haxa que volver pechalos.
"Se este brote (en Bucheon) segue crecendo, teremos que volver á fase de distanciamento social", avisou Park, en relación ao período de prevención máis estrito que Corea do Sur deu por finalizado o pasado 6 de maio.
O brote arredor da capital propiciou que Corea do Sur rexistrara onte 79 novos positivos, a maior cifra desde o pasado 5 de abril.
En total, o país asiático, un dos que mellor controlou a pandemia ata agora grazas ao seu sistema de rastrexo exhaustivo, tests masivos e illamento de contactos, suma en total 11.344 contaxios, dos cales só 735 (o 6,5 %) son casos activos.
O 91,1 % dos infectados curou xa, mentres que 269 faleceron, deixando unha taxa de letalidade do 2,37 %.