CRTVG

Buscar

Corea do Sur rexistra a peor repunta de casos desde o 5 de abril

Publicado o 28/05/2020 07:57
Corea do Sur rexistra a peor repunta de casos desde o 5 de abril

Un novo brote nun centro de loxística nos arredores de Seúl está a deparar a peor repunta de  contaxios desde o pasado 5 de abril en Corea do Sur, que reportou 79 novas infeccións.

Dos 79 novos casos detectados o mércores, 68 son contaxios locais e 54 deles corresponden ao brote que afecta principalmente aos traballadores dunha nave comercial situada na cidade dormitorio de Bucheon, ao suroeste da capital.

En total, hai 69 contaxios relacionados con este brote detectado por primeira vez o martes neste almacén da maior empresa de comercio electrónico do país, Coupang.

O viceministro de Saúde, Kim Gang-lip, dixo en conferencia de prensa que o Goberno dá por feito que o número de positivos ligados ao brote de Bucheon "irá en aumento" segundo se vaian realizando máis tests aos individuos de risco e que existe "gran preocupación" debido ao ritmo de contaxio deste foco.

As autoridades identificaron 4.159 persoas que traballan na nave, a visitaron ou tiveron contacto directo con algún dos seus traballadores, e esperan telas testadas a todas para hoxe (xa realizou máis de 3.400 probas diagnósticas).

Kim pediu aos cidadáns da rexión ao redor de Seúl, onde viven uns 26 millóns de persoas (máis da metade da poboación nacional), que eviten toda "reunión non esencial" e que permanezan nas súas casas o maior tempo posible.

Os 79 positivos identificados o mércores supoñen o peor rexistro para Corea do Sur desde o pasado 5 de abril, hai 53 días, cando reportou 81 positivos, a inmensa maioría ligados ao brote ao redor da cidade de Daegu (sueste), hoxe xa controlado.

En total, o país asiático, un dos que mellor controlou a pandemia ata o de agora grazas ao seu sistema de rastrexo exhaustivo, de tersts masivos e de illamento de contactos, suma en total 11.344 contaxios, dos cales só 735 (o 6,5 %) son casos activos.

O 91,1 % dos infectados curou xa, pero 269 faleceron, o cal deixa unha taxa de letalidade do 2,37 %.