Corcubión, con máximas restricións, espera pasar de nivel ao quedar con cero casos activos
Corcubión pasou de ser un concello pechado con restricións máximas a non rexistrar ningún contaxio. Os veciños recibiron con moita ledicia que hoxe o concello teña cero casos activos.
"Agora mesmo, por exemplo, estamos en cero casos porque había onte tres casos e aos tres déronlles a alta hoxe no centro médico e esperemos que o teñan en conta e que nos poidan abrir, ademais nós en moitos casos dependemos dos concellos que están ao lado para facer a vida normal de todos os días", apunta Manuel Insua, alcalde de Corcubión.
Unha vida normal como a que desexa recuperar a propietaria dun comercio que bota de menos as súas clientas de fóra do concello.
"De Cee, do Ézaro, de Fisterra, e entón claro se nota moitísimo porque Corcubión é moi pequeno".
De feito é o máis pequeno de toda a provincia e os veciños necesitan aires novos e volver a socializar.
"Nós temos familias en concellos moi próximos e a xente empeza a necesitar desprazarse a outros lugares e saudar a familia", subliña o alcalde.
Os case 1.700 veciños de Corcubión van estar moi pendentes da reunión do comité clínico. Confían en cambiar de nivel.