CRTVG

Buscar

A raíña inaugura Conxemar, que destaca o papel do peixe na alimentación

Publicado o 04/10/2021 13:54

Foto: EFE

EP

A organización para a nutrición das Nacións Unidas, FAO, así como científicos e autoridades, defenderon este luns en Vigo o papel do peixe e dos alimentos acuáticos nunha nutrición sustentable a nivel mundial, na inauguración do IX congreso FAO-Conxemar que serve de tiro de saída á celebración da feira internacional de produtos do mar conxelados, Conxemar.   

A raíña Letizia asistiu á inauguración do evento, no Auditorio Mar de Vigo e, aínda que non interveu, mostrou coa súa presenza o seu apoio o traballo da FAO no seu camiño para acabar coa fame no planeta.   

A raíña, embaixadora especial de nutrición da FAO, entrou no Auditorio acompañada polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e polo presidente de Conxemar, José Luis Freire.   

Antes de asistir á inauguración da xornada, saudou os organizadores do congreso e o equipo de Conxemar, así como os relatores que participan neste foro.   

Na inauguración do congreso, os asistentes puideron escoitar a mensaxe do director xeral da FAO, Qun Dongyu, quen advertiu de que "o mundo non está encamiñado a cumprir" o compromiso de acabar coa fame e a desnutrición en 2030, polo que instou a "transformar" os sistemas agroalimentarios e facelos máis sustentables e eficientes.   

Respecto diso, asegurou que o peixe e as proteínas mariñas están chamados a ser unha compoñente clave neses sistemas alimentación, grazas aos seus compoñentes nutricionais e ao seu baixo impacto ambiental, e poden axudar a acabar coa fame. Por iso, lembrou que a acuicultura xoga un papel fundamental no novo Marco Estratéxico 2022-2031 da FAO.

Pesca sustentable, garante da seguridade alimentaria

Pola súa banda, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, sinalou que os sistemas agroalimentarios inclusivos e sustentables supoñen unha oportunidade para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e o Acordo de París e, nese sentido, son fundamentais accións como, por exemplo, a loita contra a pesca ilegal. "Os recursos pesqueiros sustentables xogan un papel chave como garantes da seguridade alimentaria mundial e provedores de proteína de alta calidade", destacou o ministro.   

Así mesmo, incidiu en que a lei de pesca sustentable e investigación pesqueira que se está tramitando "vai ser un instrumento eficaz para apoiar esa aposta polo futuro" e o seu obxectivo é "modernizar o sector, asegurar a súa continuidade e lograr o aproveitamento óptimo dos recursos". 

Ese marco normativo, engadiu, pon o foco na remuda xeracional, a mellora das condicións nos buques, o avance na investigación, a potenciación do asesoramento científico e a optimización do consumo enerxético.

Impacto sociocultural e relevancia sanitaria

Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou na súa intervención o impacto social, cultural e económico da actividade pesqueira en Galicia, onde a cadea mar-industria xera máis de 9.000 millóns de euros de facturación e 50.000 empregos.   

Pero ademais diso, subliñou a "relevancia sanitaria" do consumo de peixe e da dieta atlántica, en todas as idades, para lograr unha nutrición adecuada e para a prevención de enfermidades. De feito, recalcou, "a dieta atlántica asóciase cunha menor mortalidade" e o peixe é "un reductor do gasto sanitario".   

Núñez Feijóo lembrou que o Goberno galego leva anos de campañas para promover o consumo destes produtos e sinalou que a pesca ten menor impacto no cambio climático e os seus alimentos "teñen unha pegada de carbono menor que outras proteínas animais".

Redución do IVE

O presidente de Conxemar, José Luis Freire, aproveitou a súa intervención para pór en valor o papel do complexo mar-industria e dos alimentos acuáticos na saúde, aínda que lamentou que a Comisión da UE non incluíse o peixe na súa listaxe de alimentos, dentro das súas estratexias sobre sustentabilidade e boas condutas no Pacto Verde.   

Na mesma liña, avogou por reforzar as campañas para trasladarlles aos cidadáns a importancia do peixe e dunha boa alimentación para a súa saúde, e pediu que se reduza o IVE deste produto (actualmente no 10 %) ata o 4 %, como teñen froitas e verduras. "O menor ingreso fiscal verase compensado por menor gasto sanitario", recalcou, lembrando que as dietas con máis cantidade de peixe son máis saudables.

Noticias web

04/10/2021