Convocadas concentracións de protesta en Cataluña tras a inhabilitación de Torra
A noticia saltaba a medida mañá: o Tribunal Supremo inhabilitou o presidente catalán Quim Torra. Fíxoo co acordo de todos os seus membros.
Esta decisión unánime confirma a sentenza por desobediencia contra Torra, por negarse a retirar os lazos amarelos que colgaban dos edificios públicos en abril de 2019, durante a campaña electoral.
O independentismo catalán lamenta a sentenza. Di que forma parte dunha causa xeral contra eles e convocaron xa concentracións para esta tarde.
Neste sentido, a Asemblea Nacional de Cataluña (ANC) convocou para as 19 horas desta tarde mobilizacións nas prazas fronte aos concellos de toda Cataluña como reacción á sentenza.
O Supremo dá por probado que desobedeceu de xeito "contumaz e obstinado", di na sentenza, á Xunta Electoral Central.
Quin Torra queda incapacitado para exercer cargos públicos durante ano e medio e terá que pagar unha multa de 30.000 euros. A inhabilitación acende o motor da súa substitución.
Torra recibiu a noticia no interior do Palau da Generalitat e decidiu manter a súa axenda á espera da notificación formal do fallo.
Desde o Goberno, o ministro de Universidades vía esaxerada a inhabilitación.
O PSOE pídelle que convoque eleccións, algo que tamén urxe o PP.
Como alternativa ao seu mandato, Junts per Catalunya e Esquerra Republicana pactaron que Pere Aragonès quede á fronte do Goberno de forma transitoria e provisional.
Cataluña queda á espera dunha convocatoria de eleccións, probablemente na primeira metade do vindeiro mes de febreiro.