CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Conversamos cun galego de Lalín que na Arxentina coñecen como "O rei dos petrodólares"

Publicado o 15/04/2017 14:57

O Club Europeo de Bos Aires ten novo presidente: o lalinense Benito Blanco, tamén coñecido como "o rei dos petrodólares" polo imperio que creou na Arxentina.
Dende a outra beira do Atlántico este magnate non esquece a súa Galicia natal, onde inviste parte da súa fortuna.

Benito Blanco é a clara mostra de que os petrodólares da emigración tamén chegan a Galicia.

Con só 19 anos emigrou, coma moitos outros galegos a Bos Aires, onde deu os seus primeiros pasos como camareiro na emblemática Avenida de Maio. Aquí dúas placas recoñéceno pola súa destacada labor empresarial.

A súa vitalidade e afervoamento, xunto ó apoio de bos amigos que o axudaron nos seus primeiros emprendementos, e moito traballo, foron os ingredientes precisos para que 65 anos despois Benito Blanco sexa considerado todo un magnate.

"Estiven á fronte dun montón de empresas petroleiras que eran as máis importantes do país: minería, industrias químicas, industrias metalúrxicas, agricultura, gandeiría, fruticultura. De todo, ata un cementerio privado".

Esta lenda de carne e óso sabe o que é levar as vacas a pacer polas corredoiras de Lalín, pero tamén ter nas súas mans o imperio da bentonita austral, un mineral moi codiciado na extracción do petróleo que o convertiu no "rei dos petrodólares ".

"Pechei a miña empresa sendo a segunda máis importante do país".

Un diñeiro que chegou a Galicia da man dos múltiples investimentos que realizou na nosa comunidade.

"Eu son un emigrante orgulloso da miña terra e non me esquecín nunca do meu pobo, que é unha aldea que se chama Alfonselle a dous kilómetros de Lalín".

Acostumado a lidiar coas máis altas esferas diplomáticas, económicas e culturais de Europa e América, gábase de ser un humilde embaixador das súas dúas patrias.

"A honra máis grande que teño é que me consideran ben e son directivo dun montón de institucións".

O mais recente nomeamento convertiuno en presidente do Clube Europeo de Bos Aires ós seus 85 anos.

Agora sucédense os recoñecementos para un home que nunca se esqueceu de axudar e que logrou encher, con máis dun millar de persoas, o Teatro Avenida da capital riopratense durante unha homenaxe que recibiu escoltado -iso si- pola banda de gaitas do Terzo de Galegos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí