CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Contundente triunfo do oficialismo nas eleccións lexislativas da Arxentina

Publicado o 23/10/2017 15:09

Contundente triunfo do oficialismo nas eleccións lexislativas da Arxentina.
O presidente Mauricio Macri gañoulle o pulso a Cristina Fernández de Kirchner que sufriu unhas das principais derrotas da súa carreira política.


Consolídase o cambio na Arxentina.
O oficialismo gañou as eleccións lexislativas deste domingo no ámbito nacional e agora terá un panorama moito máis amigable no Congreso.
Impúxose nas principais cidades e tamén na provincia de Bos Aires, onde competía coa ex-presidenta, Cristina Fernández de Kirchner.

A festa instaurouse dende os primeiros datos do escrutinio nas filas de Mauricio Macri porque xa anunciaban unha vitoria contundente e o apoio da cidadanía ao proxecto político do presidente.

Mauricio Macri, presidente da Arxentina: "Hoxe confirmamos o noso compromiso co cambio, que é un compromiso serio e tan serio e profundo, que aínda sabendo que é un longo camiño onde ninguén nos vai regalar nada o imos seguer recorrendo xuntos".

Cristina Fernández de Kirchner, sufriu unha durísima derrota logo de perder por catro puntos na provincia de Bos Aires, o bastión peronista, fronte a un candidato oficialista de baixo perfil. Pese a todo, a expresidenta interpretou o resultado coma un triunfo.

Cristina Fernández de Kirchner, ex-presidenta da Arxentina e senadora nacional: "Só Unidad Ciudadana creceu e emerxeu como a oposición máis firme a este Goberno".

As Eleccións Lexislativas amosan un macrismo afianzado no poder cunha vitoria por enriba das expectativas e deixan en xaque o peronismo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí