Contundente derrota do Obradoiro en Andorra (90-71)
• Moncho Fernández: "O desacerto en ataque non é normal"
O BC MoraBanc, cunha boa defensa, asfixiou o Monbus Obradoiro (90-71) nun bo partido de Oriol Paulí, con 14 puntos, cinco rebotes e 16 de valoración. A defensa ao límite exposta polo técnico local Ibon Navarro tivo os seus primeiros resultados cun parcial de 14-4 nos primeiros cinco minutos dun primeiro cuarto que, tras unha reacción do conxunto galego, terminou 18-13.
O equipo andorrano aumentou a súa vantaxe no segundo cuarto e chegou ao descanso nove puntos por riba (33-24). O Monbus Obradoiro continuou atascado tras o paso polos vestiarios e non deu superado a armazón defensiva exposta por Ibon Navarro, cuxo equipo pechou o terceiro cuarto cun 57-42.
No último, o MoraBanc, moito máis sólido, chegou a gañar por 18 puntos (70-52) e asinou un cómodo triunfo fronte a un equipo galego que naufragou no Principado. O técnico do Monbus Obradoiro Moncho Fernández lamentou o desacerto en ataque contra o BC MoraBanc Andorra.
"O desacerto en ataque non é normal para os xogadores de calidade que temos".
Moncho Fernández lembrou o partido contra Casademont Zaragoza para analizar o partido de hoxe.
"A falta de acerto do último partido perseguiunos. Estivemos superdesacertados nos dous primeiros cuartos e en defensa iámonos mantendo. Isto mesmo permitiunos non chegar mortos. No terceiro e o último cuarto o desacerto seguía aí, pero tentámolo".
O galego tamén eloxiou o BC MoraBanc. "Andorra sempre é un equipo moi físico e gañounos nese aspecto, pero eu creo que máis ben o fixo co acerto ao final. Ademais tamén nos fixeron dano no rebote en ataque", sentenciou.