CRTVG

Buscar

Os gandeiros cuestionan a norma para regular a construción de novas explotacións de vacún

Publicado o 29/09/2021 15:17

"Eu creo que se están copiando normas doutros sectores, de sectores intensivos, onde si hai un perigo sanitario real pero non é o caso do vacún que tradicionalmente conviviu coa poboación sen ningún tipo de problema", comenta Javier Iglesias, responsable de Política Agraria e Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

Esperan que este proxecto sexa un primeiro borrador e que non se aprobe ata ter en conta que Galicia ten o 50 % das explotacións de vacún de toda España. Hai dúas cuestións moi controvertidas.

"A primeira, a norma non pode impedir o crecemento das explotacións sobre todo daquelas explotacións que se fusionan", explica Javier Iglesias, responsable de Política Agraria e Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias.

Porque tal como está agora redactada, as granxas non poderían ter máis de 850 cabezas de gando adulto.

"Ti supón que dúas ou tres granxas que se unan e que teñen uns 400 animais cada unha por exemplo, pois xa pasan de ese tope", apunta ​José Manuel Liste, gandeiro.

"A segunda cuestión é que están falando dunha distancia entre granxas pois que en Galicia son inasumibles", continúa ​Javier Iglesias.

Non poderían estar a menos de 500 metros unhas das outras. "Hai concellos que incluso están sacando normativas de 100 metros, incluso menos, de 50 metros, pero eu xa non digo iso, pero 500 é moi excesivo para a xeografía que temos aquí en Galicia", di José Manuel.

"E por tanto eu creo que ao longo do percorrido desta norma, terán que cambiala e terá que cambiar en moitas cousas e agardamos que impere o sentido común", remata Javier.

Noticias web

29/09/2021