CRTVG

Buscar

Controlado o incendio que calcinou unha nave de xamóns en Vilalba

Publicado o 23/05/2021 16:25

Un incendio arrasou unha parte da nave de xamóns Francisco Otero en Vilalba, na parroquia de Goiriz. O lume comezou pasadas as 20 horas do sábado no secadoiro da empresa, e as primeiras estimacións avalían as perdas en máis de 500.000 euros en produto.

Un gran dispositivo de emerxencias desprazouse ata o lugar e despois de tres horas de traballos de extinción logrou controlar as lapas.

Os bombeiros de Vilalba traballaron toda a madrugada sufocando os focos activos e desde primeiras horas do domingo intentaron evitar a súa propagación cos reforzos de brigadas de Barreiros e de Protección Civil. A Xunta desactivou o nivel 1 de Emerxencias de Galicia.

A estes efectivos uníronse tamén bombeiros de Vilalba que non estaban na súa quenda e que voluntariamente se achegaron a axudar. O cabo cre que de non ser polo esforzo de todos, a nave ardería completamente, a vivenda dos donos incluída e tamén unha casa que hai adxacente.

Malia que se descoñece o motivo do incendio, unha das hipóteses é un curtocircuíto.

Tras controlar o incendio, o labor agora consiste en refrixerar os focos que se reinician.
Os bombeiros conseguiron salvar unha parte do edificio e tamén a zona da vivenda, pero na zona máis afectada a estrutura quedou inservible.

 

Noticias web

23/05/2021