CRTVG

Buscar

Controlado o incendio forestal declarado activo este mediodía en Oímbra

Publicado o 09/09/2019 21:17

O incendio forestal declarado a inicios da tarde deste luns en Oímbra (Ourense) permanece controlado desde as 18,50 horas, segundo información da Consellería do Medio Rural.

De acordo con estimacións provisionais deste departamento da Xunta, as lapas calcinaron case 32 hectáreas, a gran maioría de monte raso. 

Os labores de extinción para tratar de estabilizar e controlar este incendio obrigaron os axentes de tráfico a cortar de forma intermitente algunhas estradas da zona. Por parte da Administración autonómica, traballaron no lugar tres axentes, 11 brigadas, tres motobombas, catro helicópteros e seis avións.  

Así mesmo, a Delegación do Goberno en Galicia informou do despregamento de sete medios aéreos e unha Brigada de Reforzo en Incendios Forestais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. En concreto, traballa un avión anfibio de alta capacidade con base en Santiago e outras dúas aeronaves similares chegadas de Zamora. A estas únense dous avións de carga en terra de Xinzo de Limia (Ourense).

Controlado o de Monforte

En canto ao incendio de Monforte de Lemos (Lugo), o de dimensións máis importantes da temporada, continúa controlado desde o mediodía do venres tras afectar 465 hectáreas de terreo. Na extinción deste lume, iniciado o pasado xoves na parroquia de Seoane, levan traballado tres técnicos, 15 axentes, 75 brigadas, 30 motobombas, seis pas, 16 helicópteros e seis avións

Extinguidos os de Lobeira e Ribeira

Ademais, na xornada deste luns a Consellería do Medio Rural deu por extinguido o foco que afectaba o municipio de Lobeira (Ourense), que comezou o pasado xoves ás 7,50 horas da mañá e que arrasou 150 hectáreas do Parque Natural do Xurés.  

Tamén quedou extinguido un incendio que desde última hora do venres calcinou unha superficie de 197 hectáreas en Ribeira (A Coruña). No seu avance, tamén chegou ao concello veciño de Porto do Son.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí