CRTVG

Buscar

Controlado o incendio da planta química de Barcelona, pero aínda recomendan non achegarse á zona

Publicado o 11/12/2019 18:56

O incendio alcanzou rapidamente grandes dimensións polo material que entrou en combustión. As lapas e fume eran visibles desde varios quilómetros á redonda. O lume declarouse nunha empresa de reciclaxe de disolventes e residuos industriais de Montornés del Vallés, na provincia de Barcelona, e obrigou a activar o plan de alerta química na zona. 250 persoas tiveron que ser desaloxadas das empresas do polígono. Amais, Protección Civil recomendoulles aos veciños que non se achegaran á zona.

O incendio quedou estabilizado pola tarde e os bombeiros xa puideron apagar os depósitos, amais de selar o que tiña unha fuga. Amais dos desaloxos, pedíuselles aos residentes das localidades próximas como Montmeló, Martorelles e Vilanova del Vallés que non saísen da casa e que pechasen portas e ventás, aínda que a recomendación ía dirixida sobre todo a maiores con problemas respitarorios e menores. Ata a zona desprazáronse cinco equipos de urxencias médicas por se fose necesaria a súa intervención, aínda que só unha persoa tivo que ser atendida.

Noticias web

11/12/2019