CRTVG

Buscar

Controlado o brote da Mariña: un só positivo nas últimas 24 horas

Publicado o 13/07/2020 14:56

Os casos activos de coronavirus na Mariña son 184, Burela segue sendo o foco co maior número de contaxios. A maioría dos positivos son asintomáticos ou leves. Só hai dúas persoas ingresadas no hospital da Mariña e a súa evolución, segundo o Sergas, é favorable.
"Nos últimos días, os positivos que apareceron foron poucos, en concreto onte só houbo un relacionado con este brote. Esta é unha boa noticia e ademais estes positivos aparecen a partir de casos que xa eran coñecidos", di Ramón Ares, xerente da Área Sanitaria de Lugo.

Que os novos casos aparezan entre os contactos de persoas xa diagnosticadas di Sanidade que é fundamental para a contención do brote, porque xa estaban en illamento.

Ademais, agora, a porcentaxe de probas positivas é do dous por cento, cando no peor momento da repunta era do 20 %. Con estes datos, Sanidade dá por controlado o brote na Mariña. Se a evolución segue así, nos próximo días, poderían levantarse as restricións de movemento en Burela, o único concello onde permanecen activas. Ninguén pode entrar ou saír do municipio sen causa xustificada.

A Consellería de Sanidade vai realizar nos 14 concellos da Mariña un cribado exhaustivo aos colectivos mais expostos á covid-19, entre os que están os sanitarios, Policía Local, Protección Civil ou os traballadores do servizo de atención no fogar.

Noticias web

13/07/2020