CRTVG

Buscar

Goberno galego e oposición cúlpanse mutuamente da crise económica

Publicado o 12/05/2021 11:38

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os voceiros da oposición acusáronse mutuamente de "cinismo" e botáronse en cara a responsabilidade da crise ao enfrontarse pola situación económica que vive Galicia e as medidas para a recuperación tras a pandemia.

Durante a sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, Núñez Feijóo responsabilizou o Executivo central da situación industrial de Galicia, polo que lle pediu á líder do BNG, Ana Pontón, que decida se quere "soprar ou sorber" e instouna a decidir se "defende a industria de Galicia ou goberna co PSOE".

A líder do BNG, Ana Pontón, acusouno de "incapacidade para defender os intereses de Galicia" porque "non é un gobernante, só un bo propagandista" que o "máis destacado que ten no seu currículo" é o "fracaso" de Pemex. Así que "o máis útil que pode facer é pechar o seu despacho e marchar para casa", espetoulle.

Feijóo, pola súa banda, sinalou que aínda que está "preocupado" pola situación industrial, non por iso vai asumir "responsabilidades que non son" do Goberno galego. "Os responsables da situación industrial de Galicia son o PSOE e o BNG, por esta orde", afirmou o presidente galego.

Ademais, cualificou de político de "ciencia ficción" a Caballero, quen lle reprochou ao presidente galego que vive "nos mundos de Yupi" e insiste en describir unha situación "idílica" para Galicia que "non cre ninguén".

"Legado dramático" 

Ana Pontón sostivo que o "legado industrial" de Núñez Feijóo á fronte do Executivo autonómico é "dramático" porque doce anos despois da súa chegada a San Caetano, "o sector está na UCI". Segundo a líder nacionalista, a xestión da Xunta foi un "desastre sen paliativos" nesta materia.

Na súa opinión, mentres a situación da industria é "crítica", o presidente da Xunta está cruzado de mans e fai a súa especialidade: non buscar solucións pero si a quen botarlle a culpa.

"Deixe de botar balóns fora e póñase as pilas", díxolle, porque a economía galega necesita dun sector industrial potente despois de que a pandemia sanitaria puxera de manifesto que "un país sen industria é un país máis vulnerable".

O presidente galego replicoulle cargando contra o modelo industrial que ansía o BNG porque "cre que o problema de Galicia é que existen empresas" como demostra "querer pechar Ence" malia depender da pasteira milleiros de traballos.

"Pensa que a industria se crea e tutela desde o sector público? Cal é a súa proposta? Que nós debamos confeccionar roupa e vendela en mercados internacionais?", cuestionoulle.

En resposta a Caballero, Feijóo tamén insistiu en que Galicia está en mellor situación económica que a media de España e criticou as súas reclamacións "contraditorias" ao dicir que o PSdeG "lle tende a man" á Xunta cando nin sequera levou unha proposta á Comisión de Reactivación do Parlamento.

Neste sentido, dixo que o PPdeG vai aprobar o ditame desta comisión, pendente desde hai meses, "con ou sen" os socialistas galegos.

"De momento é vostede o máximo responsable do PSOE en Galicia, o partido que pecha as portas de Meirama e Gamesa, o partido que é o máximo responsable de pechar Ence, de buscar problemas e non resolver ningún", dixolle ao líder do PSdeG.

"De brazos caídos" 

Pola súa banda, Gonzalo Caballero acusou a Feijóo de estar "de brazos caídos" e 'out' na política económica e instoulle a tomar medidas, tras salientar que Galicia tivo "o maior incremento do desemprego", segundo os datos da EPA do primeiro trimestre do ano.

Tamén criticou os 350 proxectos para optar aos fondos Next Generation validados polo Consello de la Xunta que "teñen a mesma validez que se os aproba unha comunidade de veciños", concluíu.

Noticias web

12/05/2021