CRTVG

Buscar

Contrata un cerralleiro para roubar na vivenda duns coñecidos

Publicado o 19/07/2019 14:37

Premeditación e un plan laborioso. Iso foi o que tivo que argallar un vigués de 29 anos para roubar na casa duns coñecidos. Contratou un cerralleiro para entrar a roubar na vivenda dunha familia á que coñecía moi ben.

Nesta baixada á rúa Maestre Chané, en Vigo, tivo lugar o curioso roubo. Un home de 29 anos foi detido pola Policía Nacional despois de urdir un plan moi elaborado e con distintas fases de execución para roubar na vivenda duns coñecidos. As vítimas, un matrimonio que lle alugara un cuarto nunha casa anterior había tres anos, e ao que vixiaba para saber os seus hábitos.

Houbo un primeiro roubo despois de atopar as chaves no parque ao que tanto o matrimonio coma o suposto ladrón acudían para pasear os seus cans. Foi aquí cando os propietarios do piso puxeron unha pechadura máis e o motivo polo que desta segunda volta el pedira axuda a un cerralleiro.

As denuncias presentadas o mesmo día tanto polo cerralleiro, porque había circunstancias que non lle cadraban, coma polos donos da casa, ao atopar que alguén cambiara a pechadura do seu propio domicilio, foron os motivos polos que se ataron cabos e a Policía Nacional detivera 11 días despois un vigués que tiña xa antecedentes por feitos semellantes.

Agora o matrimonio confesa vivir con algo de medo, pero o detido vai ser procesado como presunto autor dun delito de roubo con forza e estafa ao cerralleiro no Xulgado de Instrución número 4 de Vigo.

Noticias web

19/07/2019