CRTVG

Buscar

Contra vento e marea celebrouse o Entroido de Cobres, en Vilaboa

Publicado o 05/03/2019 20:36

Contra vento e marea, esta tarde celebrouse o Entroido de Cobres, en Vilaboa. Os mozos desafiaron a chuvia intensa e completaron as probas deportivas que xa están incorporadas á tradición. Iso si, acabaron pingando.

Que o importante é participar non cómpre que llelo digan aos mozos de Cobres. Sábeno ben, porque miren que non lles importou caeren ao río intentando atrapar ao galo, como manda a tradición. Total, mollados xa estaban.

Se a competición do galo na vara habitualmente pon a proba a forma física, neste día de chuvia, foi o enxeño o que se fixo necesario. Os participantes tentárono todo, mesmo quixeron facer unha torre humana, pero foi imposible gabear polo pau doce metros arriba. En vista de que a cousa se puña fea, a organización declarou vencedor o mozo que máis intentos fixo.

Os bailes das madamas e dos galáns, cuxa orixe se sitúa ao redor do século XVIII, tampouco faltaron neste Martes de Entroido, pero eles, claro, a cuberto da chuvia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/03/2019