CRTVG

Buscar

Estabilizan cinco e controlan catro dos incendios en Ourense, pero o de Lobios segue activo

Publicado o 17/09/2020 13:25

• O de Lobios afecta 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

• As perdas son incalculables, especialmente no parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, pero tamén son cuantiosos os danos de Cualedro, o único no que o lume alcanzou casas

Dous incendios forestais permanecen activos na provincia de Ourense, onde a Consellería do Medio Rural deu por estabilizados os dous lumes que ameazaron núcleos de poboación no municipio de Cualedro.

Ademais, catro incendios que afectaron a Ribas de Sil, A Gudiña, Laza e Vilardevós xa están extinguidos. Segundo informa a Administración autonómica, a superficie arrasada polas chamas nos incendios que seguen activos ou pendentes de extinción sitúase nas 9.000 hectáreas, a metade deles nos lumes que desde a fin de semana afectan a Vilariño de Conso, Lobios e Cualedro.

Dende Medio Rural informan que están estabilizados os lumes de Vilariño de Conso (cunha nova estimación de 700 ha), dous en Manzaneda (450 hectáreas en Cernado e outras 400 en San Martiño), Chandrexa de Queixa (500 hectáreas na parroquia de Queixa), A Mezquita (400 hectáreas en Cadavós),  Rairiz de Veiga (300 hectáreas en Sabaríz) e Montederramo (30 hectáreas en Gabín).

Segue activo o incendio de Lobios afecta á parroquia de Río Caldo, onde arderon máis de 2.000 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés desde a tarde do sábado.

Ademais dos dous incendios que queimaron unhas 1.380 hectáreas en Cualedro, tamén se atopan coa condición de controlados os lumes de Vilar de Barrio (700 hectáreas en Rebordechau) e Muíños (30 hectáreas en Requiás, tamén no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés) e o da Pobra de Trives (50 hectáreas en Pena Petada).

Pola súa banda, catro incendios forestais quedaron extinguidos, segundo informa Medio Rural. En Peites, parroquia do municipio de Ribas de Sil, as lapas iniciadas en catro puntos ao mesmo tempo o pasado luns quedou sufocado ás 18,42 horas deste luns. Arderon 53,01 hectáreas --10,48 de masa arboredo e 42,53 de monte raso--.

O incendio da Gudiña quedou apagado ás 16,09 horas deste luns tras queimar 149 hectáreas --oito de arboledo e o resto de monte raso--. En Laza, as lapas apagáronse ás 15,30 horas do luns. Neste incendio queimáronse 49,13 hectáreas. Tamén extinguido o lume de Vilardevós, con 296,29 hectáreas calcinadas.

Este mércores rexistráronse outros incendios de menor magnitude, segundo fontes de Medio Rural. Na Cañiza (Pontevedra) está activo un lume desde as 18,00 horas que queimou unha hectárea; en Gomesende (Ourense) está controlado outro incendio cunha superficie afectada de 0,43 hectáreas e en Navia de Suarna está activo outro lume no que, polo momento, non hai estimacións da área que ardeu.

Noticias web

17/09/2020