CRTVG

Buscar

Continúan os traballos para identificar o cadáver da muller que apareceu onte en Muíños, preto do municipio de Barbadás

Publicado o 14/09/2020 14:16

A Policía Nacional traballa para identificar o cadáver da muller que apareceu onte na aldea abandonada dos Muíños, preto do municipio ourensán de Barbadás.
As primeiras informacións apuntan a que podería tratarse de Nerea Añel, unha moza que permanecía desaparecida desde principios deste ano.

Foi unha parella de sendeiristas a que deu a voz de alarma o domingo pola tarde. Acababan de atopar uns restos óseos nunha aldea abandonada coñecida como Os Muíños, moi preto da Valenzá en Barbadás.
O levantamento do cadáver rematou sobre as dez da mañá e agora os investigadores traballan na súa identificación.

As primeiras informacións que transcenderon apuntan que podería tratarse de Nerea Añel, unha moza de 27 anos que levaba desaparecida dende o mes de xaneiro.
Un dos indicios que os levou a pensar que podería tratarse de Nerea é que o lugar onde apareceu o cadáver se atopa moi preto dun motel en que a moza foi vista con vida por última vez. De feito, nesta zona centráronse as tarefas de busca durante o mes de febreiro. Cans de rastrexo, drons e efectivos da Policía Nacional e Protección Civil peitearon o lugar durante varios días, pero sen éxito.
Despois viría o confinamento e a loita da familia para que a desaparición de Nerea Añel non caera no esquecemento. No mes de xullo a nai pedía colaboración para dar con ela, pero xa se temía o peor.

Dende o mes de xaneiro Belén vive pegada ao teléfono esperando unha chamada que dea luz sobre a desaparición da súa filla, pero esa chamada non dá chegado. Onte foi ela a que chamou para preguntar aos investigadores se os restos atopados nos Muíños eran os da súa filla... non llo puideron confirmar... hai que agardar o resultado da autopsia.
 

Noticias web

14/09/2020