CRTVG

Buscar

Renuncia en bloque o Goberno do Líbano tras a explosión

Publicado o 11/08/2020 10:48

O primeiro ministro do Líbano, Hasan Diab, anunciou hoxe a renuncia do Goberno, seis días despois da explosión no porto de Beirut que causou polo menos 160 mortos e 6.000 feridos.

"Anuncio hoxe a renuncia a este Goberno", dixo Diab nunha mensaxe á nación.

Os manifestantes volveron este luns ás rúas, malia o anuncio por parte do ministro de Saúde libanés, Hamad Hasan, da dimisión en bloque do Goberno que se confirmou durante a tarde. Súmase á renuncia dos ministros de Xustiza, Finanzas e Mocidade e á dos titulares de Información e Medio Ambiente.

Decenas de manifestantes protagonizaron enfrontamentos este luns coas forzas de seguridade libanesas no centro da capital, por terceiro día consecutivo.  Os manifestantes tiran pedras e tamén se acendeu lume. Pola súa banda, os axentes lanzan gas lacrimóxeno, segundo pode verse nas imaxes que se retransmiten pola televisión. Hoxe, ducias de persoas reuníronse de novo nos arredores do Parlamento. 

A do sábado foi a máis multitudinaria, despois da traxedia, e as protestas deron en actos de violencia que deixaron 250 feridos, segundo a Cruz Vermella libanesa, e coa morte dun axente de seguridade.