CRTVG

Buscar

Un guindastre retirou o camión bloqueado en Laza

Publicado o 13/02/2018 15:31

Son imaxes dos complicados labores de retirada do tráiler que desde onte estaba atascado na estrada que une Cerdedelo con Toro, no concello de Laza. Tardaron máis de catro horas en sacalo debido á dificultade da orografía e do tempo.

Por fin puideron sacalo, levaba desde onte atrancando a estrada. Foi o GPS o que dirixiu a este camión de grandes dimensións ata esta zona de difícil acceso.

Finalmente o guindastre logrou sacalo camión da ponte en que quedara atrancado e deixalo no arcén, onde agarda para retomar o seu camiño en canto arranxen as rodas que estouraron no sinistro.

Os traballos foron complicados xa que se precisou un guindastre de grandes dimensións ao que tamén lle foi difícil o acceso, e máis hoxe que a estrada está moi esvaradía por mor da neve. O máis complicado foi sacar o camión da ponte en curva onde estaba dende onte. Lembremos que un camioneiro polaco quedou atrancado aquí por seguir as indicacións do GPS. Meteuse pola vía de tan só tres metros de ancho e con curvas moi pechadas. Estivo a piques de caer por un desnivel. A estrada volve estar aberta logo de horas pechada, un corte que non deixou illado ningún núcleo de poboación.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018