Continúan baixando os casos na área sanitaria de Ourense, pero máis discretamente
Hoxe nos hospitais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras hai 48 persoas ingresadas, son tres menos ca onte, iso si, hai unha persoa máis en coidados intensivos. Baixan as hospitalizacións e baixan tamén de novo os casos activos tanto aquí na capital coma no total da provincia e faino primeiro en Ourense, que tamén fora onde comezaron a explosionar os casos nesta quinta vaga.
2.257 pacientes da área sanitaria de Ourense teñen a infección activa, son 18 menos ca onte. É unha diminución bastante máis discreta ca o día anterior, pero aquí a curva semella que comeza a baixar.
Hai dez días que o concello de Ourense está en nivel alto de restricións e os casos activos, que supoñen case a metade do total dos da provincia, levan catro días seguidos baixando, hoxe hai 23 menos.
Con todo, Ourense, con mil casos por cen mil habitantes, segue a ser a cidade galega con maior incidencia. Ao contrario ca onte, hoxe si baixa tamén o número de persoas hospitalizadas, 48, tres menos, pero unha máis na UCI.
En Ourense hoxe comezaron a vacinar os mozos de entre 29 e 20 anos e tamén os primeiros menores que se rexistraron na autocita.