CRTVG

Buscar

Continúan as protestas en Cataluña, aínda que sen incidentes graves

Publicado o 22/10/2019 09:26

Continúan as protestas en Cataluña, aínda que sen incidentes graves

As protestas contra a sentenza do procés e contra as cargas policiais continúan nas rúas de Barcelona, pero xa non están derivando en algaradas nin incidentes graves coa policía. Onte ao serán, milleiros de manifestantes concentráronse diante do edificio da Consellería de Interior para pedir a dimisión do conselleiro Buch. Pasada unha semana, as mobilizacións contra a sentenza do procés continúan nas rúas catalás, pero son maioritariamente pacíficas.

Convocadas polos CDR, preto de tres mil persoas concentrábanse a partir das sete da tarde diante da Consellería do Interior, en que se encontra o Centro de Coordinación Policial, o Cecor.
O acto era pacífico e festivo, basicamente para lanzar ao aire globos de cores. A convocatoria dicía que a protesta era para pedir a dimisión do conseller Miquel Buch pola actuación dos Mossos d'Esquadra nos últimos días.

Pero algúns manifestantes comezaron a encher os globos de auga e pintura coa intención de guindalos contra o edificio, pero o perímetro policial establecido evitou que chegasen a impactar nel.
Así que, esta furgoneta converteuse no branco dos lanzamentos. Ao berro de "Fóra as forzas de ocupación", o vehículo policial recibiu o impacto de decenas de globos.

E paralelamente ás protestas, continúan as detencións polos altercados dos últimos sete días. Nas últimas horas, os Mossos detiñan tres persoas que estaban saqueando varios comercios. E despois de varios días de investigación tamén prenderon un dos mozos que lanzou pirotecnia contra un helicóptero policial comprometendo gravemente a súa seguridade. Está acusado de intento de homicidio.

E tamén nas últimas horas, o xuíz enviaba a prisión dous destes ultras neonazis que participaron na malleira a un mozo independentista o xoves pasado, o que eleva a 30 o número de detidos que ingresaron en prisión preventiva desque se iniciaron os disturbios o luns da outra semana, entre eles un menor de idade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019