Continúan as pescudas para esclarecer a desaparición de Madeleine McCann
En Portugal continúan as pescudas para tentar esclarecer a desaparición da nena británica Madeleine McCann hai trece anos. O principal sospeitoso, un home alemán que se atopa en prisión, pasaba tempadas nunha zona próxima ao lugar dos feitos onde a policía busca testemuñas.
Un veciño de Monte Xudeu, a poucos quilómetros da praia da Luz, asegura que o sospeitosoo estivo nesta localidade portuguesa en varias ocasións.
Segundo relata, de cando en vez aparcaba unha furgoneta nas traseiras desta casa. A policía alemá, en colaboración coa lusa e a británica, difundiu a semana pasada unhas imaxes da vivenda e do vehículo.
Buscan testemuñas para tentar esclarecer onde estaba o sospeitoso o día da desaparición de Madeleine, o 3 de maio de 2007. A cativa tiña tres anos e pasaba as vacacións coa familia nun apartamento da praia da Luz.
A fiscalía xermana investiga este home de 43 anos que cumpre condena por outro delito. Pasaba tempadas en Portugal con traballos ocasionais e, segundo a prensa lusa, tamén estivo preso no país veciño en dúas ocasións. No seu historial figuran, entre outros delitos, roubo, abuso de menores, agresión sexual e posesión de pronografía infantil.