CRTVG

Buscar

Fumata negra, polo momento, en Ourense, que aínda non sabe quen será o seu alcalde

Publicado o 14/06/2019 12:37

Cando falta un día para o pleno de constitución do Concello de Ourense, os tres actores principais evitan pronunciarse sobre o contido das negociacións.

"Nós non temos nada pechado, seguimos falando con todas as partes, estamos esperando agora mesmo comunicacións dos dous partidos. Sempre dixen que o acordo final igual se cerraba sobre a bucina, e parece que vai nese camiño", di Gonzalo Pérez Jácome, o líder de Democracia Ourensana.

Este mesmo venres nas redes sociais o candidato de Democracia Ourensana aseguraba que polo momento non había acordo.



Os socialistas apelan á responsabilidade fronte ao mercadeo de votos.

"Todo o que estea nas nosas mans para darlle a Ourense un bo goberno no Concello e na Deputación ímolo facer con responsabilidade e con seriedade. Nós somos unha organización política seria que vai estar á altura das circunstancias", asegura Gonzalo Caballero.

Tamén se pronunciou, por primeira vez, o presidente en funcións da Deputación. Manuel Baltar recoñece as negociacións con Democracia Ourensana. Non entra no contido das mesmas, pero amósase favorable a un goberno en coalición.

"Son máis partidario de gobernos en coalición que de gobernos en minoría. Temos o exemplo da cidade e o que pasou e o da Deputación e o que pasou".

Dos acordos no Concello dependerá, tamén, o futuro da Deputación.

Noticias web

14/06/2019