CRTVG

Buscar

Continúan as mobilizacións de agricultores e gandeiros

Publicado o 14/02/2020 08:31

O ministro de Agricultura vai modificar de forma inmediata a Lei da Cadea Alimentaria por mor da crise do sector agrícola. Luis Planas fixo este anuncio tras reunirse co sector hortofrutícola. Os sindicatos agrarios pedíronlle medidas urxentes para frear os prezos baixos e aseguraron que continuarán as protestas e tractoradas por toda España mentres non obteñan resposta ás súas reivindicacións. Hoxe reuniranse coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Andalucía centralizou onte as mobilizacións do campo. Houbo tractorada en Adamuz, Córdoba, e concentración para reclamar medidas urxentes ante a crise agraria.
En Antequera, Málaga, máis dun milleiro de tractores interromperon a circulación nas estradas A-92 e A-45. Din que economicamente non resisten máis.

"Se o campo morre, a cidade non come" é o lema que encabeza as mobilizacións agrarias por toda España. Os continuos baixos prezos e agora os aranceis por parte dos Estados Unidos colmaron a paciencia de agricultores e gandeiros. Na reunión onte no Ministerio de Agricultura, pedíronlle ao ministro que se poña veto á competencia desleal, mellores rendas agrarias ou mellor repartición das axudas. Luis Planas anuncioulles o cambio inmediato da Lei da Cadea Alimentaria.

Luis Planas, Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación: "Afrontar de xeito urxente temas que saíron hoxe na reunión. O tema dos prezos de producción e o seu reflexo nos contratos que deben subscribirse entre produtores, industria e distribución, o tema de venda a perdas e promocións desleais".

Un anuncio que agricultores e gandeiros acolleron con expectación. Con todo, os sindicatos agrarios saíron da reunión descontentos e, aseguraron, sen respostas.

Cristóbal Aguado, ASAJA. "Non temos ningún compromiso de resolución que signifique mellorar os prezos que teñen que recibir os agricultores. Mentres non teñamos unha maior garantía de prezos para os agricultores e unha posibilidade de futuro, imos seguir manifestándonos".

O calendario de mobilizacións por tanto continuará en varias provincias. Hoxe volverá haber corte da autovía en Málaga, e as protestas estenderanse nos próximos días á Comunidade Valenciana, Estremadura e Cataluña. En Galicia, serán o día 19.

Noticias web

14/02/2020