CRTVG

Buscar

Sen control o incendio de Málaga cun operativo de extinción sen precedentes

Publicado o 11/09/2021 21:36

Leva xa tres días ardendo e aínda que as condicións meteorolóxicas melloraron esta mañá ao amainar o vento e entrar a humidade, o traballo dos 41 medios aéreos e máis de 500 efectivos terrestres segue sendo difícil para tratar de controlar o lume nun perímetro de 41 quilómetros.
"Se as previsións meteorolóxicas se cumpren estamos no bo camiño. Non podemos falar dunha evolución favorable nin de que este incendio vaia rematar xa. Insisto en que hai que ir sitio a sitio, punto a punto, andando e, na maioría dos casos, sen poder facer liñas húmidas, con legóns e pas." Di Juan Sánchez, director da extinción do Infoca

Á dificultade do terreo para a extinción engádese o risco que supoñen as nubes de cinza con partículas de lume que esta tarde volveron ameazar varias poboacións. Corenta veciños máis foron desaloxados e xa superan o milleiro. As autoridades volveron recomendar o confinamento nas poboacións próximas por mor do fume e parte dos efectivos de terra tamén tiveron que retirarse. As investigacións sobre a orixe apuntan cara a un incendio intencionado tal e como aseguraba esta mañá Juanma Moreno, o presidente de Andalucía.

"Hoxe a brigada contraincendios trasladounos que nos dous focos empregaron o mesmo método: un montonciño de follaxe e enriba unha piña. Esa piña prendida por un chisqueiro. Significa que se os dous métodos son os mesmos todo apunta, coa información que imos recollendo cada día, a que este incendio foi intencionado."

E á par continúan as mostras de dó polo bombeiro falecido na tarde do xoves nos labores de extinción. Os seus restos foron trasladados a Almería para ser soterrado na intimidade familiar.

Noticias web

11/09/2021