CRTVG

Buscar

Continúa o rastrexo de contaxios na Mariña, que rexistra 22 infectados

Publicado o 28/06/2020 21:16

Os rastrexos de posibles contaxios continúan na Mariña sen que se coñecesen nas últimas 24 horas novos infectados. A cifra, actualizada onte ao mediodía, recolle 22 casos desde que se coñeceu o primeiro positivo, o martes pasado, en Xove. Desde aquela, detectáronse persoas infectadas en diferentes concellos da comarca que estiveran en contacto entre elas. É o caso dalgúns membros dos equipos de fútbol de Burela e Barreiros ou dalgúns traballadores deste bar. Dos 22 casos tan só un home de 71 anos tivo que ser ingresado no hospital da Mariña, onde continúa estable. O resto ten síntomas leves ou incluso non se lle manifestaron e permanecen illados no seu domicilio. Esa mesma obriga téñena os que agardan aínda os resultados das probas realizadas e aqueles que deron negativo pero tiveron relación estreita cos infectados. A Consellería de Sanidade non confirmou aínda se hai relación entre o brote inicial de Xove e os que se coñeceron nos últimos días en Burela. Tampouco informou de momento da orixe, que permitiría saber se foi un caso importado. Precisamente en Sanidade insisten en que o risco maior nestes momentos é o movemento de persoas que se agarda a partir do día 1, data en que se abrirán tamén as fronteiras con Portugal.

Canto á situacion xeral, Galicia ten un total de 310 casos activos. Soben os rexistros na área de Lugo a 39 casos, con cinco novos como consecuencia dos brotes da Mariña, e tamén hai un activo máis na área de Vigo. Nos hospitais continúan catro persoas ingresadas, e o número de pacientes curados elévase a 10.611.

Noticias web

28/06/2020