CRTVG

Buscar

Continúa o cribado masivo na área da Coruña, que suma máis de 1.000 casos activos

Publicado o 20/08/2020 16:16

Segunda xornada de probas masivas entre os mozos da cidade da Coruña nos exteriores do centro de saúde do Ventorrillo. Previa cita telefónica, aquí fanlles PCR ás persoas de entre 18 e 40 anos.

A previsión, segundo afirman desde a área sanitaria da Coruña, é convocar cada día 750 persoas, ata chegar ás 62.000 anunciadas pola Xunta. Deste xeito, as probas poderían prolongarse máis de 80 días. Trátase de frear o risco de transmisión comunitaria detectando o máximo posible de persoas asintomáticas.

Na cidade da Coruña, os barrios con maior número de positivos son o Ventorrillo, A Agra do Orzán, Sagrada Familia e Os Mallos.

Tamén seguen a realizarse probas PCR masivas nos concellos da área metropolitana entre os colectivos de traballadores máis expostos á covid-19. Este xoves estaban citados no PAC de Cambre máis de 200 veciños dos concellos de Carral e Cambre.

Os últimos datos da área sanitaria da Coruña-Cee sitúan en 1.045 os casos activos, 85 máis que onte. Increméntase a presión hospitalaria con 52 pacientes ingresados, 4 deles na UCI.

E un home de 90 anos que estaba ingresado no CHUAC faleceu nas últimas 24 horas. O falecido presentaba patoloxías previas.

No caso do gromo da residencia de maiores Orpea, en Culleredo, a situación estabilízase con 15 positivos, os mesmos este mércores.

Polo de agora na área sanitaria da Coruña non se estableceron novas restricións. Mañá venres reunirase o comité de expertos que asesora o Goberno galego para avaliar de novo a situación.

Noticias web

20/08/2020