Continúa ingresada no hospital a dona da florería incendiada en Moaña
Publicado o 31/12/2019 13:40
Continúa ingresada no hospital Povisa de Vigo a dona da florería que se incendiou onte en Moaña. A muller evoluciona favorablemente das queimaduras que sufriu nas mans e nas costas, cando intentou sofocar as lapas nun primeiro momento.
Mentres a Garda Civil investiga as causas deste virulento incendio que arrasou o establecemento e que provocou a alarma entre os veciños da zona.
Hoxe está previsto que os peritos avalíen os cuantiosos danos materiais que sufriu o local. A florería está precintada e parte da rúa permanece acordoada ante a posibilidade de que poida haber algún desprendemento.