CRTVG

Buscar

Continúa amarrado a porto o barco de Marín detido na Arxentina por pesca ilegal

Publicado o 06/02/2018 21:05

Continúa amarrado a porto o pesqueiro de Marín acusado polo Goberno arxentino de faenar ilegalmente na súa zona económica exclusiva, pendente da análise dos rexistros do satélite para esclarecer o ocorrido. O armador do buque galego está a viaxar nestes momentos ao país suramericano.

Tanto a tripulación do pesqueiro marinense Playa Pesmar Uno como o Goberno local están pendentes dos datos que ofreza a análise satelital. 

Unha comparativa entre os rexistros GPS que manexa a garda costeira e o Ministerio de Pesca español, coa que se certificará se realmente faenaban de xeito irregular na zona económica exclusiva arxentina, o que podería custarlle ao armador galego unha multa de máis de 500.000 euros. 

Os 34 tripulantes do pesqueiro, na súa maioría galegos, atópanse en perfectas condicións aínda que con ganas de volver ao mar en plena tempada alta de captura. 

Arestora o barco continúa retido no porto de Comodoro Rivadavia, na Patagonia, e este mércores está previsto que chegue á Arxentina o armador do Playa Pesmar Uno para porlle fin a unha situación que reavivou as tensións entre o sector pesqueiro galego e o país suramericano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2018